ACTIVIDADES


Pensamos que unha das características distintivas do ser humano é a súa capacidade para as actividades de carácter lúdico. É mais, cremos que unha sociedade que tan só se dedica ó traballo é unha sociedade enferma. Tendo en conta ademais que estoutras actividades son unha perfecta escusa para mellorar as relacións internas no centro e que non é posible a relación entre persoas sen comunicación, parécenos que a organización de distintas actividades son perfectas para dinamizar o uso do galego na nosa vida cotián.

Como as actividades que se realizan nos nosos sectores de traballo teñen unha relación tan intrínseca coas estacións do ano, coidamos que sería unha boa idea organizar unha actividade por cada unha das estacións do ano. Deste xeito mataremos tres paxaros dun tiro. Por un lado evitaremos a organización continua de actividades que superarían as nosas forzas e capacidades e interromperían demasiado as actividades lectivas do centro, por outra parte fomentaremos as relacións entre toda a comunidade escolar en torno ó galego e, por último, tentaremos recompilar, aproveitando estas actividades, as distintas tradicións relacionadas cos nosos sectores e as distintas estacións do ano que se están a perder polo despoboamento do medio rural e polos inevitables cambios produtivos no agro e que son as depositarias da sabedoría popular. 

Cada ano tentaremos celebrar catro actividades:

ÉPOCA
CELEBRACIÓN
DATA
OUTONO
SAN MARTIÑO
Un venres próximo a esta data.
Ó redor deste día tradicionalmente facíase a matanza do porco coas consecuentes celebracións. Nesta festa represéntanse a recolleita dos froitos tan duramente traballados durante todo o ano e a preparación cara ó duro inverno.
Neste senso celebraremos unha pequena celebración do outono e de todo o que representa nas nosas tradicións agrícolas. Presentaremos os produtos que elaboramos no Centro e faremos unha recolleita dos refráns, ditos, adiviñas, contos e cantos relacionado con esta época do ano e o mundo rural.
Remataremos cun xantar de toda a comunidade escolar no que degustaremos os produtos da nosa horta e do porco, acabando cunhas lambonadas feitas coa mel de A Granxa e cun magosto. Todo o acto estará amenizado polos nosos propios grupos de gaitas.


ÉPOCA
CELEBRACIÓN
DATA
INVERNO
NADAL
O derradeiro día de clase antes do Nadal
Ao final do primeiro trimestre celebraremos o final do ano e despedirémonos uns dos outros cos mellores desexos para o aninovo. Seguiremos coa recolleita das tradicións relacionadas coa época do ano e organizaremos algunha actividade da que vos iremos informando.


ÉPOCA
CELEBRACIÓN
DATA
PRIMAVEIRA
ENTROIDO
O derradeiro día de clase antes do Entroido
Cando vai acabando o inverno e antes de comezar o duro traballo primaveral no campo celebraremos por todo o alto unha das festas galegas mais senlleiras, o entroido.


ÉPOCA
CELEBRACIÓN
DATA
VERÁN
DÍA DAS LETRAS GALEGAS E SAN CIDRE
16/05/12
Xa que logo somos o EDLG teremos que celebrar o día das Letras Galegas e homenaxealas como merecen. Ó mesmo tempo e como coinciden case no tempo, aproveitaremos para celebrar o día do patrón dos labregos.



De tódalas actividades tentaremos informarvos puntualmente polos cauces habituais, tanto a priori para que vaiamos facendo entre todos os preparativos precisos como a posteriori para comentar como nos foi.

   Por suposto, e como en tódalas actividades que tentamos organizar, a vosa participación non só é posible senon que tamén será moi agradecida. Esperamos as vosa axuda, suxestións e,por que non, tamén as vosas críticas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario