lunes, 5 de mayo de 2014

Recoñecemento e agradecemento.

O novo EDLG composto por Javier Rodríguez López, Marcos Álvarez Veloso, Rosa María Guisado Reboreda, Raquel Cid Pérez, Miriam Patricia Vieira Martínez e coordinado por Iago Rosón González emprende unha nova andadura no presente curso escolar 2013/2014 coa ilusión de continuar coa difusión e coñecemento da nosa prezada e ben querida lingua galega. Como novo coordinador do EDLG póñome o temón deste impresionante buque, bautizado co nome de "ANDAR DE CEBOLA", e fabricado nos estaleiros do meu predecesor e compañeiro Andrés Pose Pérez, ó que quero trasladar ós meus parabens pola inxeniosa idea que tivo e que de forma dinámica podemos empregar toda a comunidade. De seguro que foron moitas as horas de adicación a este blog, pero valeu a pena. Noraboa Andrés, a tí, e o resto do equipo que coordinaches, e moitas gracias polo tempo que invertiches conmigo. Creando e botando a navegar este blog, fixeches o traballo máis duro, planificaches o trazado do camiño, realizaches desmontes e terrapléns, cementación, e finalmente empedraches. Agora eu tratarei de continuar co traballo iniciado, evitando que as silvas cubran este camiño que nos sirve de enlace para a toda comunidade, no cal as sinais están en galego.

jueves, 27 de junio de 2013

Ata aquí chegamos


Por diversas circunstancias, das que non é este o momento nin o lugar para explicalas, ata aquí chegou a miña andadura neste Equipo. Foron, aínda que algúns e algunhas pensen o contrario, dous anos intensos de moito traballo e esforzo por parte de tódolos membros dos dous equipos que tiven a honra de coordinar e tamén por parte de algúns outros colaboradores anónimos que arrimaron o ombreiro cando fixo falla.

Non sei quen tomará a remuda e tampouco se continuará pola senda que empezamos a rozar, pero, sexa quen sexa, desexámoslle toda a fortuna na súa andaina e esperamos que consigan acadar a colaboración e o interese da Comunidade Escolar que nos, desgraciadamente, non soubemos atraer o suficiente. Xa o título da nosa Bitácora era premonitorio posto que xa estaban no noso maxín as dificultades que iriamos ter neste senso.

Tal e como xa tentamos explicar no Limiar desta Bitácora, o noso obxectivo básico era modificar progresivamente o comportamento lingüístico da Comunidade educativa. Despois de varias tentativas frustradas con outro tipo de actividades, os membros do primeiro equipo chegamos a conclusión de que a mellor medida que podíamos tomar era a de pór ó dispor de tódolos membros da Comunidade Educativa as ferramentas e recursos en e para o galego que coñecíamos ou poderíamos chegar a coñecer co decorrer do tempo. Esta foi a intención que nos guiou a facer esta Bitácora onde, co paso do tempo, pretendíamos que tiverades ó voso dispor dun modo cómodo e sinxelo todos estes recursos para cando tiverades necesidade deles.

Aínda nos quedaba un longo camiño por percorrer pero, por desgraza, dado que os vosos comentarios na Bitácora foron case nulos e os que recibimos persoalmente, aínda que moi gratificantes, non tiveron a relevancia estadística suficiente como para facer unha extrapolación ó sentir xeral e tampouco podemos coñecer se a información colgada nos distintos taboleiros foi da vosa utilidade, non temos moi claro dentro do Equipo se sequera conseguimos albiscar algún resultado ou vos foi de algunha utilidade o noso traballo. Será unha ardua labor a dos nosos sucesores conseguir recabar este tipo de información.

Como xa comentamos antes, foi un arduo traballo cheo de dificultades que non imos relatar agora porque estas reflexións estenderíanse demasiado – comentamos tamén noutra ocasión que ningún de nos eramos nin lingüistas nin informáticos – e, en moitas ocasións, deron gañas de mandar todo a contar alfinetes ante a chea de atrancos que tiñamos por diante. A pesares de todo, seguimos adiante e, agora, dous anos máis tarde, por fin comezabamos a albiscar a luz ó final do túnel e xa comezaban a agromar os primeiros rebentos desta colleita, xa que logo estamos a acabar os alicerces desta bitácora.

A estrutura básica está feita, tódalas páxinas teñen algunha achega e, se cadra o máis difícil, as bases de datos están deseñadas. Faltan, iso si, deseñar os formularios e outros medios para que vos nos enviedes as vosas achegas, pero coidamos que moito do traballo escuro e pesado para que esta aventura vaia adiante está feito. Non negamos que ós que veñan detrás quédalles moito traballo por diante pero esperamos que o noso traballo previo lles serva de axuda e que así, poñendo cada un de nos o seu baguiño para a a pipa do viño, teñamos, co tempo, unha excelente colleita.

Así e todo, non queremos que os que guíen o carro a partires de agora se sintan obrigados a seguir a ruta marcada por nos. Hai moitas encrucilladas no camiño e son libres de escoller a súa propia ruta; de tódolos xeitos cremos que, aínda que escollan outros carreiros, a información aquí recollida pode servirlles de axuda na súa labor.

Gustaríame tamén nesta despedida recordar a todos e, en especial ós críticos, a filosofía que nos guiou na nosa labor. Coidamos neste Equipo que as linguas non son armas e que non se poden empregar para excluír, que as linguas serven para unir e comunicarse, que non coñecemos a ninguén que por coñecer varias linguas sexa máis inculto ou que se lle cerren máis portas, e que, por enriba de todo, o uso dunha lingua non se pode impor, tes que amala e/ou necesitala para utilizala. Neste senso permitídenos recordarvos un parágrafo do limiar da Bitácora no que xa daquela indicábamos as nosas intencións:

... Queremos resaltar tamén que non é a nosa intención promover un enfrontamento ou unha substitución entre linguas. Pensamos que esta actitude é de mentes cativas. O que si e certo é que nestes momentos hai unha situación de diglosia da lingua galega respecto ó castelán que se debería corrixir. Coas nosas humildes achegas, tan só pretendemos mostrarvos que hai ferramentas e vocabulario suficiente para o uso cotián do galego en tódolos eidos, mesmo o técnico. Só é necesario dar un paso adiante e que vos animedes a falar e escribir en galego “aínda que o fagamos mal”. Recordade que, como din os nosos maiores “ninguén naceu aprendido”, “a práctica fai ó mestre” e que “todo camiño comeza cun paso”...


Non quixera despedirme sen dar, unha vez máis, as grazas desde o fondo do meu corazón a tódolos membros dos dous equipos que tiven a honra de coordinar ó longo destes dous anos. Sen a súa labor constante e calada, quitándolle na maioría das ocasións horas ó seu tempo libre, a maioría deste traballo no tería visto a luz. Tamén quixera ampliar o meu agradecemento a tódalas aquelas persoas que sempre nos axudaron cando os necesitamos.

Por último, e para acabar cunha despedida menos seria, e xa que logo comezamos este curso, no que había certo pesimismo no ambiente, cunha poesía do poeta Walt Whitman, achégovos unha última poesía súa para que recordedes a importancia da Natureza. Como poderedes ver en calquera delas, no noso idioma pódense ler sen problemas calquera obra de calquera autor sen necesidade de facelo no idioma orixinal ou en castelán. Isto non lle resta importancia á lectura dos nosos autores e, desde aquí invítovos a que leades ós nosos clásicos. Igual que a maioría de vos seguro que xa lestes O Quixote ou Cen anos de soidade por pór só dous exemplos, gozade dos nosos autores (Castelao, Cunqueiro, Risco...). Un bo comezo podería ser a lectura dos Cantares Galegos de Rosalía de Castro dos que estamos a celebrar este ano o 150 aniversario da súa publicación.

Unha folla de herba
Creo que unha folla de herba, non é menos
que un día de traballo das estrelas,
e que unha formiga é perfecta,
e un gran de area, e o ovo do régulo*,
son igualmente perfectos,
e que a ra é unha obra mestra,
digna dos sinalados,
e que a silveira podería adornar,
os salóns do paraíso,
e que a articulación máis pequena da miña man,
avergoña ás máquinas,
e que a vaca que pasta, coa súa cabeza gacha,
supera tódalas estatuas,
e que un rato é milagre abondo,
como para facer dubidar,
a seis trillóns de infieis.
Walt Whitman
Tradución do EDLG sobre unha tradución previa ó castelán de León Felipe
*Nota: Descoñecemos a que animal se refire o autor pero supoñemos que fala do Regulus satrapa, unha pequena papuxa norteamericana (ver imaxe) - semellante á Estreliña dos piñeiros (Regulus regulus) ou á Estreliña riscada (Regulus ignicapilla) comúns nas nosas terras - que, nos piñeirais, pon no seu niño de 8 a 10 diminutos ovos esbrancuxados.


Un agarimoso saúdo a todas e todos na miña despedida
En Ponteareas a 30 de xuño de 2013


Asinado: Andrés Pose Pérez
Coordinador do EDLG do CIFP A Granxa

martes, 21 de mayo de 2013

Vocabulario da castaña


Inauguramos os contidos da páxina O Alpendre cunha escolla de vocabulario, frases, refráns e ditos sobre a castaña e todo o mundo relacionadas con ela que conseguimos recoller co motivo da exposición sobre a castaña que fixemos no outono pasado con motivo do San Martiño.

Na seguinte ligazón podedes acceder ó contido:


Esperamos que sexa do voso agrado.
O EDLG do CIFP A Granxa

martes, 7 de mayo de 2013

O tradutor ES GL

Comezamos o análise dos tradutores co ESGL, que é unha ferramenta de tradución automática de ACCESO ABERTO E GRATUITO.
Dispoñible na rede en <http://www.xunta.es/tradutor/> [Consulta 30/04/2012].

Se poden traducir (ó galego e desde o galego) os seguintes idiomas:
  • Castelán.
  • Inglés.
E tamén en fase de prototipo (xa desde fai moito tempo) os seguintes idiomas:
  • Catalá.
  • Francés.
As súas principais avantaxes son:
  • É un tradutor da Xunta de Galicia / Secretaría Xeral de Política Lingüística. Isto nos debería garantir a tradución a un galego normativo.
  • O seu manexo é moi sinxelo. Cun formato simple e unhas instrucións claras é moi fácil o seu uso. Tan só temos que copiar o texto que queremos traducir na xanela que se indica, marcar a dirección de tradución e premer o botón de “Traducir”. A tradución é inmediata e aparece o texto traducido no recadro inferior.
  • Pode traducir tanto TEXTO como PÁXINAS WEB”. Permite traducir tanto calquera tipo de texto como o seu uso nas bitácoras ou outros recursos en rede.
  • Indica os termos descoñecidos (en vermello) e as alternativas de tradución (en verde). Isto facilita a labor de revisión dos textos traducidos.
  • Permite incorporar Botóns de tradución nas nosas páxinas web. Só funciona ben en páxinas web HTML sinxelas e só están ó noso dispor as traducións do castelán e inglés ó galego (e viceversa).
  • Ten licencias para un volume maior de tradución, incluso documentos completos. Esta opción está restrinxida á Entidades públicas e Persoal da Administración Pública e tarda un chisco máis a tradución (hai que enviar o documento e nolo devolven traducido).
As súas principais desvantaxes son:
  • Tan só pode traducir os idiomas indicados máis arriba. De tódolos xeitos, non o puidemos analizar en profundidade (puidera ser que con termos moi específicos tivera problemas) pero entendemos que as traducións feitas son bastante axeitadas para o nivel no que nos movemos a maioría de nos.
  • Ten un volume limitado de tradución á 2500 caracteres. En moitos casos é insuficiente para as nosas necesidades e nos obrigaría a aguzar o enxeño para poder traducir textos máis longos (dividir o texto en anacos e ir traducindo por partes...), excepción feita do indicado para as licencias.
  • Os textos son traducidos en formato ASCII. Isto pode provocar algúns problemas coa tradución de algúns caracteres, aínda que na maioría dos casos non teremos maiores problemas coa tradución.
  • As traducións cometen erros frecuentes de xénero ou cos artigos e preposicións. Polo menos, cando se fan traducións desde o inglés, para publicalas non serven sen revisión mais para traducir un texto e comprender o senso xeral do texto pode ser suficiente.
  • As traducións dos xiros, frases feitas ou expresións deixan bastante que desexar. Tal e como comentamos nunha entrada anterior sobre os Tradutores, este é un problema común á maioría dos tradutores en rede e desvirtúa un pouco o sentido dos textos e esixe unha concienciuda revisión posterior dos textos.
    Como exemplo podedes ver un anaco da tradución da sección DARLLE CO TEMPERO desta bitácora:

martes, 30 de abril de 2013

Recursos agrolingua


Como complemento á sección de AGROLINGUA, vos indicamos algúns recursos que tamén vos poden axudar na busca da terminoloxía galega de termos relacionados co campo e a alimentación. Esperamos que vos sexan útiles:

  • GONZÁLEZ, M. (Coord.). Dicionario de alimentación e restauración. Galego – Castelán – Inglés. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria / Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. 2012.
  • LOSADA, E.; CASTRO J. e NIÑO, E. Nomenclatura vernácula da flora vascular galega. A Coruña: Xunta de Galicia. Servicio de Estudios e Publicacións da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. 1992.
  • RODRÍGUEZ, X.A. (Coord.). Vocabulario forestal: galego – español – inglés. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 2012. Dispoñible en internet <http://www.usc.es/export/sites/default/gl/servizos/snl/terminoloxia/descargas/forestal.pdf > [Consulta : 30/04/2013]

martes, 16 de abril de 2013

Tradutores


Un dos problemas con que nos atopamos cando pretendemos usar o noso idioma no quefacer diario xorde á hora de ter que traducir textos longos doutros idiomas ó noso ou viceversa. Ben porque encontramos un texto noutro idioma que nos parece interesante e o queremos ter en galego (para facer uns apuntes ou un traballo, para subilos a unha bitácora ou unha web site...), ben porque necesitamos pornos en contacto con xente doutros lugares e necesitamos outros idiomas (proxectos internacionais, contactos con fornecedores, solicitudes de información ou proxectos...), ben porque, ó estar nunha comunidade bilingüe (e pronto trilingüe), desexamos ter os noso textos en ámbolos dous idiomas ou ben por calquera outra razón é, en multitude de ocasións, necesario proceder á tradución de textos longos doutros idiomas ó galego ou viceversa.

Por suposto, como na mellor tradición amanuense, podemos traducir manualmente o texto ou contratar a alguén para que o faga. Aparte de que a medida pode ser prohibitiva tanto a nivel económico como de tempo, hai na rede varios tradutores doutros idiomas ó galego e do galego a outros idiomas, moitos deles gratuítos.

A gran maioría deles teñen varias características comúns:

  • Adoitan ter, polo menos nas versións gratuítas, un límite máximo de caracteres de tradución.
  • O abano de idiomas susceptible de utilización e moi variable. De tódolos xeitos, todos teñen as traducións castelán-galego e galego-castelán e a gran maioría deles poden facer traducións bidireccionais aos idiomas máis próximos (catalán, éuscaro, inglés, portugués...).
  • Teñen unha calidade de tradución susceptible de mellora. En ocasións as traducións son excesivamente literais ou incluso erróneas. Debemos ter en conta que canto máis próximo é o idioma mellor será a tradución. As traducións de linguas romances (castelán, catalán...) son mellores que as de outras linguas (inglés, alemán...). De tódolos xeitos, é importante que sempre, unha vez traducido o texto, fagamos unha revisión de mesmo.
  • En moitas ocasións, fan unha tradución correcta desde o punto de vista ortográfico pero deficiente desde outros puntos de vista (falla a sintaxe, a tradución non contempla os xiros característicos do noso idioma...). Isto provoca acotío unha sensación de tradución moi literal e forzada.

De tódolos xeitos, isto non debe supor un hándicap á hora de utilizar este tipo de ferramentas. Sendo conscientes destas limitacións, o seu uso pode significar un aforro importante de tempo nestas labores.

En posteriores ocasións iremos informando dos tradutores que podemos atopar facendo con cada un deles unha revisión crítica (e persoal) dos seus puntos fortes e debilidades para que con todos eses datos poidades escoller o que máis se adapte ás vosas necesidades.

Esperamos que vos sexa útil esta información
O EDLG do CIFP A Granxa

NOVOS CONTIDOS


Ola a todas e todos de novo:

Despois dun período de aparente inactividade na bitácora temos a ledicia de comunicarvos que, aínda que a paso de sapoconcho, en breves datas poderemos comezar a encher de contidos algunhas das seccións desta bitácora.

Neste senso, queremos informarvos que en breve poremos ó voso dispor os primeiros contidos da sección de DARLLE CO TEMPERO con análises dos distintos tradutores que podemos encontrar na rede e que podes utilizar no voso quefacer diario dun xeito gratuíto.

Por outra banda, tamén queremos informarvos que en breves datas haberá novidades na sección de AGROLINGUA. Como recordaredes, era a nosa intención nesta sección, darvos unha ferramenta eficaz para que poidades coñecer a terminoloxía galega dos distintos elementos e procesos que estamos a utilizar acotío. Neste senso tamén empezarán a funcionar coa maior brevidade posible un par de bases de datos. Unha dos distintos termos do noso ámbito (ferramentas, maquinaria, procesos, etc. do mundo agrario e agroalimentario) e outra das distintas especies que están presentes no noso quefacer diario (plantas, animais, fungos...). Coa pretensión de facer unhas bases de datos efectivas e útiles tivemos que darlle moitas voltas o deseño, especialmente no dos campos a incluír na mesma. Unha vez analizadas as nosas capacidades e as da nosa rede, optamos por un deseño sinxelo que esperemos vos serva no presente e no futuro. De tódolos xeitos,queremos recordarvos que esta bitácora pretende ser moi participativa polo que os vosos comentarios e críticas son moi agradecidas. Recordade que, unha vez deseñadas as bases de datos, levará tempo ir enchéndoas de contidos así que pedímosvos unha vez máis que teñades un chisco de paciencia con nos.

Gustaríanos recordarvos tamén que en ámbalas dúas seccións a vosa colaboración será moi ben recibida. Neste senso, en DARLLE CO TEMPERO podedes facer as vosas propias análises e enviárnolas e, na sección de AGROLINGUA, haberá cadanseu formularios para que tamén vos poidades axudar a completar as bases de datos.

Esperando que estas iniciativas sexan do voso agrado e esperándoa vosa colaboración e comprensión, despídese agarimosamente
O EDLG do CIFP A Granxa

miércoles, 9 de enero de 2013

Anúnciase a convocatoria de

Cursos preparatorios 2013 para as probas Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4


Tedes toda a información na seguinte ligazón:
http://www.xunta.es/linguagalega/formacion_celga

Recordámosvos que o Prazo de solicitude remata o 25 de xaneiro de 2013.

Se desexades máis información sobre os cursos Celga recordade que podedes consultala na páxina de Ligazóns desta mesma bitácora (no epígrafe Celga do apartado de formación) ou consultar ós membros do EDLG.

martes, 18 de diciembre de 2012


Ola a todas e todos de novo.

Agora que se acerca o descanso do Nadal, desde o EDLG queremos facervos chegar unha pequena mensaxe de ánimo co arquivo adxunto.


Esperando que collades folgos para o duro ano que nos espera, recibide un agarimoso saúdo dos membros do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CIFP A Granxa.

lunes, 10 de diciembre de 2012

O pasado 30 de novembro ven de celebrarse o tradicional magosto organizado por este EDLG en colaboración con Tito o Coordinador da Residencia do Centro que, coma sempre, fixo un excelente traballo.
Este ano fixemos unha exaltación da castaña en toda regra e comezamos as actividades ó redor das 12, 45 horas cunha conferencia sobre o "A marca de calidade IXP Castaña de Galicia" impartida polo Secretario da IXP, D. Manuel López Pérez, que engaiolou ós presentes cunha amena charla na que se debullou o futuro do castiñeiro en Galicia e as posibilidades que a citada marca de calidade, única en España, ofrece para o desenvolvemento do medio rural galego.
A continuación, mentres esperábamos a que se acabasen de asar as castañas, procedemos á inauguración da exposición "O CASTIÑEIRO" que realizou este EDLG coa inestimable colaboración de Begoña Dávila, Julio Martínez e Manuel Prego e outros colaboradores que axudaron nos últimos traballos de montaxe. Vaia para eles o noso agradecemento. Na seguinte ligazón podedes ver unha presentación da citada exposición:
Como fin de festa, pasamos ó comedor onde gozamos dunha degustación de produtos outonais, nos que destacaron, entre moitas outras viandas, uns volováns de porco bravo con castañas preparados con esmero polo persoal de cociña , os que queremos, como non, agradecer tamén o esforzo realizado.
Para rematar, as castañas asadas e a música coas que nos deleitou o persoal de campo, sen o cal non hai celebración que se gabe, (Ana, David, Moisés, Óscar...) puxeron un fermoso fin de festa. Vaia, por suposto, o noso agradecemento pola súa colaboración.
Esperando que gozarades do traballo realizado e a vosa colaboración para as vindeiras actividades despídense agarimosamente
Os membros do EDLG

martes, 30 de octubre de 2012

O novo curso 2012/2013

Ola a todas e todos de novo. Co comenzo do novo curso escolar xa estamos a traballar para tentar cumplir os nosos obxectivos e darvos novos instrumentos cos que coñecer, usar e amar mais a nosa fermosa lingua..


Para empezar con forza deixámosvos un poema de Walt Whitman para que collades folgos.


Un agarimoso saudo dos membros do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do curso 2012/2013:

- Andrés Pose Pérez (Coordinador).
- Marcos Álvarez Veloso. (representante do persoal docente).
- Javier Rodríguez López (representante do persoal docente).
- Rosa María Guisado Reboreda (representante do persoal non docente).
- Dolores Lage Reboreda (representante do alumnado).
- Adrián Silva Rey (representante do alumnado).

martes, 22 de mayo de 2012

Exposición "As árbores senlleiras de Galicia"

Ola a todas e todos de novo:

Co gallo da celebración do S. Cidre e do Día das Letras Galegas inaugurouse no salón de actos do centro unha exposición sobre as ÁRBORES SENLLEIRAS DE GALICIA que permanecerá aberta para todo o público durante os vindeiros días. Invitámosvos a vela e a disfrutala.

Esta exposición, que xa se pretendía realizar o ano pasado con motivo do ano internacional dos bosques pero que por diversos motivos non se pudo presentar, pretende achegarnos ao fascinante mundo das árbores que, por diversos motivos, teñen un certo grao de singularidade que os fai merescentes dunhas figuras de protección especial.

Coa inestimable colaboración de Begoña, Julio e Manolo tentamos, desde o EDLG, pretendemos darvos a coñecer estas maravillas da natureza e concienciarvos da importancia da súa conservación, así como da profunda relación que desde a antigüidade temos coas árbores tal e como demostran os múltiples usos e tradicións ligadas a elas.

Tamén poderedes observar esta intensa relación nos diversos poemas e escritos dalgúns dos nosos mais coñecidos autores dos que tamén tedes unha pequena mostra nesta exposición. Respecto e este punto queremos informarvos que estes textos están postos tal e como foron escritos nos orixinais e, polo  tanto, normalmente non están en galego normativo. Esto non nos parece mal senon que indica claramente que a nosa lingua está viva e en constante evolución.

Esperando que esta exposición vos incite a visitalos e a loitar pola súa protección, desexamos que disfrutedes da mesma.

Un saúdo
EDLG

lunes, 30 de abril de 2012

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2012

Con motivo da celebración, o vindeiro día 17 de maio de 2012, do Día das Letras Galegas dedicado este ano a D. Valentín Paz Andrade, comunicámosvos que están colocados nos corredores do edificio de oficinas uns carteis conmemorativos do evento.

Por outra banda, se queredes coñecer algo mais sobre a figura do homenaxeado este ano podedes encontrar moita información na seguinte ligazón:

CONCURSO EN LIÑA

Está aberto o prazo de inscripción nun concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega para mozas e mozos de 14 a 35 anos organizado pola Secretaría Xeral de Politica Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude con motivo do Dia das Letras Galegas.

As bases, prazos de inscripción e categorías podédelas consultar na seguinte ligazón:

sábado, 28 de abril de 2012

Ola a todas e a todos.

Con estas liñas tan só queremos darvos a benvida a este blog de nova creación e pedirvos desculpas xa que logo aínda estamos a construílo polo que poida que aínda non sexas capaz de atopar algún contido.
Non somos informáticos nin lingüistas polo que podemos ter erros de todo tipo así que esperamos que nos xulges con benevolencia e nos axudes a ir mellorando.

En canto o noso tempo e as nosa torpeza no lo permitan iremos engadindo contidos ó blog.

Esperando que éste sexa o principio dunha boa amizade, despedímonos de vos agarimosamente

O EDLG do CIFP A Granxa.