Mostrando entradas con la etiqueta DARLLE CO TEMPERO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta DARLLE CO TEMPERO. Mostrar todas las entradas

martes, 7 de mayo de 2013

O tradutor ES GL

Comezamos o análise dos tradutores co ESGL, que é unha ferramenta de tradución automática de ACCESO ABERTO E GRATUITO.
Dispoñible na rede en <http://www.xunta.es/tradutor/> [Consulta 30/04/2012].

Se poden traducir (ó galego e desde o galego) os seguintes idiomas:
  • Castelán.
  • Inglés.
E tamén en fase de prototipo (xa desde fai moito tempo) os seguintes idiomas:
  • Catalá.
  • Francés.
As súas principais avantaxes son:
  • É un tradutor da Xunta de Galicia / Secretaría Xeral de Política Lingüística. Isto nos debería garantir a tradución a un galego normativo.
  • O seu manexo é moi sinxelo. Cun formato simple e unhas instrucións claras é moi fácil o seu uso. Tan só temos que copiar o texto que queremos traducir na xanela que se indica, marcar a dirección de tradución e premer o botón de “Traducir”. A tradución é inmediata e aparece o texto traducido no recadro inferior.
  • Pode traducir tanto TEXTO como PÁXINAS WEB”. Permite traducir tanto calquera tipo de texto como o seu uso nas bitácoras ou outros recursos en rede.
  • Indica os termos descoñecidos (en vermello) e as alternativas de tradución (en verde). Isto facilita a labor de revisión dos textos traducidos.
  • Permite incorporar Botóns de tradución nas nosas páxinas web. Só funciona ben en páxinas web HTML sinxelas e só están ó noso dispor as traducións do castelán e inglés ó galego (e viceversa).
  • Ten licencias para un volume maior de tradución, incluso documentos completos. Esta opción está restrinxida á Entidades públicas e Persoal da Administración Pública e tarda un chisco máis a tradución (hai que enviar o documento e nolo devolven traducido).
As súas principais desvantaxes son:
  • Tan só pode traducir os idiomas indicados máis arriba. De tódolos xeitos, non o puidemos analizar en profundidade (puidera ser que con termos moi específicos tivera problemas) pero entendemos que as traducións feitas son bastante axeitadas para o nivel no que nos movemos a maioría de nos.
  • Ten un volume limitado de tradución á 2500 caracteres. En moitos casos é insuficiente para as nosas necesidades e nos obrigaría a aguzar o enxeño para poder traducir textos máis longos (dividir o texto en anacos e ir traducindo por partes...), excepción feita do indicado para as licencias.
  • Os textos son traducidos en formato ASCII. Isto pode provocar algúns problemas coa tradución de algúns caracteres, aínda que na maioría dos casos non teremos maiores problemas coa tradución.
  • As traducións cometen erros frecuentes de xénero ou cos artigos e preposicións. Polo menos, cando se fan traducións desde o inglés, para publicalas non serven sen revisión mais para traducir un texto e comprender o senso xeral do texto pode ser suficiente.
  • As traducións dos xiros, frases feitas ou expresións deixan bastante que desexar. Tal e como comentamos nunha entrada anterior sobre os Tradutores, este é un problema común á maioría dos tradutores en rede e desvirtúa un pouco o sentido dos textos e esixe unha concienciuda revisión posterior dos textos.
    Como exemplo podedes ver un anaco da tradución da sección DARLLE CO TEMPERO desta bitácora:

martes, 16 de abril de 2013

Tradutores


Un dos problemas con que nos atopamos cando pretendemos usar o noso idioma no quefacer diario xorde á hora de ter que traducir textos longos doutros idiomas ó noso ou viceversa. Ben porque encontramos un texto noutro idioma que nos parece interesante e o queremos ter en galego (para facer uns apuntes ou un traballo, para subilos a unha bitácora ou unha web site...), ben porque necesitamos pornos en contacto con xente doutros lugares e necesitamos outros idiomas (proxectos internacionais, contactos con fornecedores, solicitudes de información ou proxectos...), ben porque, ó estar nunha comunidade bilingüe (e pronto trilingüe), desexamos ter os noso textos en ámbolos dous idiomas ou ben por calquera outra razón é, en multitude de ocasións, necesario proceder á tradución de textos longos doutros idiomas ó galego ou viceversa.

Por suposto, como na mellor tradición amanuense, podemos traducir manualmente o texto ou contratar a alguén para que o faga. Aparte de que a medida pode ser prohibitiva tanto a nivel económico como de tempo, hai na rede varios tradutores doutros idiomas ó galego e do galego a outros idiomas, moitos deles gratuítos.

A gran maioría deles teñen varias características comúns:

  • Adoitan ter, polo menos nas versións gratuítas, un límite máximo de caracteres de tradución.
  • O abano de idiomas susceptible de utilización e moi variable. De tódolos xeitos, todos teñen as traducións castelán-galego e galego-castelán e a gran maioría deles poden facer traducións bidireccionais aos idiomas máis próximos (catalán, éuscaro, inglés, portugués...).
  • Teñen unha calidade de tradución susceptible de mellora. En ocasións as traducións son excesivamente literais ou incluso erróneas. Debemos ter en conta que canto máis próximo é o idioma mellor será a tradución. As traducións de linguas romances (castelán, catalán...) son mellores que as de outras linguas (inglés, alemán...). De tódolos xeitos, é importante que sempre, unha vez traducido o texto, fagamos unha revisión de mesmo.
  • En moitas ocasións, fan unha tradución correcta desde o punto de vista ortográfico pero deficiente desde outros puntos de vista (falla a sintaxe, a tradución non contempla os xiros característicos do noso idioma...). Isto provoca acotío unha sensación de tradución moi literal e forzada.

De tódolos xeitos, isto non debe supor un hándicap á hora de utilizar este tipo de ferramentas. Sendo conscientes destas limitacións, o seu uso pode significar un aforro importante de tempo nestas labores.

En posteriores ocasións iremos informando dos tradutores que podemos atopar facendo con cada un deles unha revisión crítica (e persoal) dos seus puntos fortes e debilidades para que con todos eses datos poidades escoller o que máis se adapte ás vosas necesidades.

Esperamos que vos sexa útil esta información
O EDLG do CIFP A Granxa

NOVOS CONTIDOS


Ola a todas e todos de novo:

Despois dun período de aparente inactividade na bitácora temos a ledicia de comunicarvos que, aínda que a paso de sapoconcho, en breves datas poderemos comezar a encher de contidos algunhas das seccións desta bitácora.

Neste senso, queremos informarvos que en breve poremos ó voso dispor os primeiros contidos da sección de DARLLE CO TEMPERO con análises dos distintos tradutores que podemos encontrar na rede e que podes utilizar no voso quefacer diario dun xeito gratuíto.

Por outra banda, tamén queremos informarvos que en breves datas haberá novidades na sección de AGROLINGUA. Como recordaredes, era a nosa intención nesta sección, darvos unha ferramenta eficaz para que poidades coñecer a terminoloxía galega dos distintos elementos e procesos que estamos a utilizar acotío. Neste senso tamén empezarán a funcionar coa maior brevidade posible un par de bases de datos. Unha dos distintos termos do noso ámbito (ferramentas, maquinaria, procesos, etc. do mundo agrario e agroalimentario) e outra das distintas especies que están presentes no noso quefacer diario (plantas, animais, fungos...). Coa pretensión de facer unhas bases de datos efectivas e útiles tivemos que darlle moitas voltas o deseño, especialmente no dos campos a incluír na mesma. Unha vez analizadas as nosas capacidades e as da nosa rede, optamos por un deseño sinxelo que esperemos vos serva no presente e no futuro. De tódolos xeitos,queremos recordarvos que esta bitácora pretende ser moi participativa polo que os vosos comentarios e críticas son moi agradecidas. Recordade que, unha vez deseñadas as bases de datos, levará tempo ir enchéndoas de contidos así que pedímosvos unha vez máis que teñades un chisco de paciencia con nos.

Gustaríanos recordarvos tamén que en ámbalas dúas seccións a vosa colaboración será moi ben recibida. Neste senso, en DARLLE CO TEMPERO podedes facer as vosas propias análises e enviárnolas e, na sección de AGROLINGUA, haberá cadanseu formularios para que tamén vos poidades axudar a completar as bases de datos.

Esperando que estas iniciativas sexan do voso agrado e esperándoa vosa colaboración e comprensión, despídese agarimosamente
O EDLG do CIFP A Granxa