martes, 30 de abril de 2013

Recursos agrolingua


Como complemento á sección de AGROLINGUA, vos indicamos algúns recursos que tamén vos poden axudar na busca da terminoloxía galega de termos relacionados co campo e a alimentación. Esperamos que vos sexan útiles:

  • GONZÁLEZ, M. (Coord.). Dicionario de alimentación e restauración. Galego – Castelán – Inglés. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria / Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. 2012.
  • LOSADA, E.; CASTRO J. e NIÑO, E. Nomenclatura vernácula da flora vascular galega. A Coruña: Xunta de Galicia. Servicio de Estudios e Publicacións da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. 1992.
  • RODRÍGUEZ, X.A. (Coord.). Vocabulario forestal: galego – español – inglés. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 2012. Dispoñible en internet <http://www.usc.es/export/sites/default/gl/servizos/snl/terminoloxia/descargas/forestal.pdf > [Consulta : 30/04/2013]

martes, 16 de abril de 2013

Tradutores


Un dos problemas con que nos atopamos cando pretendemos usar o noso idioma no quefacer diario xorde á hora de ter que traducir textos longos doutros idiomas ó noso ou viceversa. Ben porque encontramos un texto noutro idioma que nos parece interesante e o queremos ter en galego (para facer uns apuntes ou un traballo, para subilos a unha bitácora ou unha web site...), ben porque necesitamos pornos en contacto con xente doutros lugares e necesitamos outros idiomas (proxectos internacionais, contactos con fornecedores, solicitudes de información ou proxectos...), ben porque, ó estar nunha comunidade bilingüe (e pronto trilingüe), desexamos ter os noso textos en ámbolos dous idiomas ou ben por calquera outra razón é, en multitude de ocasións, necesario proceder á tradución de textos longos doutros idiomas ó galego ou viceversa.

Por suposto, como na mellor tradición amanuense, podemos traducir manualmente o texto ou contratar a alguén para que o faga. Aparte de que a medida pode ser prohibitiva tanto a nivel económico como de tempo, hai na rede varios tradutores doutros idiomas ó galego e do galego a outros idiomas, moitos deles gratuítos.

A gran maioría deles teñen varias características comúns:

  • Adoitan ter, polo menos nas versións gratuítas, un límite máximo de caracteres de tradución.
  • O abano de idiomas susceptible de utilización e moi variable. De tódolos xeitos, todos teñen as traducións castelán-galego e galego-castelán e a gran maioría deles poden facer traducións bidireccionais aos idiomas máis próximos (catalán, éuscaro, inglés, portugués...).
  • Teñen unha calidade de tradución susceptible de mellora. En ocasións as traducións son excesivamente literais ou incluso erróneas. Debemos ter en conta que canto máis próximo é o idioma mellor será a tradución. As traducións de linguas romances (castelán, catalán...) son mellores que as de outras linguas (inglés, alemán...). De tódolos xeitos, é importante que sempre, unha vez traducido o texto, fagamos unha revisión de mesmo.
  • En moitas ocasións, fan unha tradución correcta desde o punto de vista ortográfico pero deficiente desde outros puntos de vista (falla a sintaxe, a tradución non contempla os xiros característicos do noso idioma...). Isto provoca acotío unha sensación de tradución moi literal e forzada.

De tódolos xeitos, isto non debe supor un hándicap á hora de utilizar este tipo de ferramentas. Sendo conscientes destas limitacións, o seu uso pode significar un aforro importante de tempo nestas labores.

En posteriores ocasións iremos informando dos tradutores que podemos atopar facendo con cada un deles unha revisión crítica (e persoal) dos seus puntos fortes e debilidades para que con todos eses datos poidades escoller o que máis se adapte ás vosas necesidades.

Esperamos que vos sexa útil esta información
O EDLG do CIFP A Granxa

NOVOS CONTIDOS


Ola a todas e todos de novo:

Despois dun período de aparente inactividade na bitácora temos a ledicia de comunicarvos que, aínda que a paso de sapoconcho, en breves datas poderemos comezar a encher de contidos algunhas das seccións desta bitácora.

Neste senso, queremos informarvos que en breve poremos ó voso dispor os primeiros contidos da sección de DARLLE CO TEMPERO con análises dos distintos tradutores que podemos encontrar na rede e que podes utilizar no voso quefacer diario dun xeito gratuíto.

Por outra banda, tamén queremos informarvos que en breves datas haberá novidades na sección de AGROLINGUA. Como recordaredes, era a nosa intención nesta sección, darvos unha ferramenta eficaz para que poidades coñecer a terminoloxía galega dos distintos elementos e procesos que estamos a utilizar acotío. Neste senso tamén empezarán a funcionar coa maior brevidade posible un par de bases de datos. Unha dos distintos termos do noso ámbito (ferramentas, maquinaria, procesos, etc. do mundo agrario e agroalimentario) e outra das distintas especies que están presentes no noso quefacer diario (plantas, animais, fungos...). Coa pretensión de facer unhas bases de datos efectivas e útiles tivemos que darlle moitas voltas o deseño, especialmente no dos campos a incluír na mesma. Unha vez analizadas as nosas capacidades e as da nosa rede, optamos por un deseño sinxelo que esperemos vos serva no presente e no futuro. De tódolos xeitos,queremos recordarvos que esta bitácora pretende ser moi participativa polo que os vosos comentarios e críticas son moi agradecidas. Recordade que, unha vez deseñadas as bases de datos, levará tempo ir enchéndoas de contidos así que pedímosvos unha vez máis que teñades un chisco de paciencia con nos.

Gustaríanos recordarvos tamén que en ámbalas dúas seccións a vosa colaboración será moi ben recibida. Neste senso, en DARLLE CO TEMPERO podedes facer as vosas propias análises e enviárnolas e, na sección de AGROLINGUA, haberá cadanseu formularios para que tamén vos poidades axudar a completar as bases de datos.

Esperando que estas iniciativas sexan do voso agrado e esperándoa vosa colaboración e comprensión, despídese agarimosamente
O EDLG do CIFP A Granxa

miércoles, 9 de enero de 2013

Anúnciase a convocatoria de

Cursos preparatorios 2013 para as probas Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4


Tedes toda a información na seguinte ligazón:
http://www.xunta.es/linguagalega/formacion_celga

Recordámosvos que o Prazo de solicitude remata o 25 de xaneiro de 2013.

Se desexades máis información sobre os cursos Celga recordade que podedes consultala na páxina de Ligazóns desta mesma bitácora (no epígrafe Celga do apartado de formación) ou consultar ós membros do EDLG.

martes, 18 de diciembre de 2012


Ola a todas e todos de novo.

Agora que se acerca o descanso do Nadal, desde o EDLG queremos facervos chegar unha pequena mensaxe de ánimo co arquivo adxunto.


Esperando que collades folgos para o duro ano que nos espera, recibide un agarimoso saúdo dos membros do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CIFP A Granxa.

lunes, 10 de diciembre de 2012

O pasado 30 de novembro ven de celebrarse o tradicional magosto organizado por este EDLG en colaboración con Tito o Coordinador da Residencia do Centro que, coma sempre, fixo un excelente traballo.
Este ano fixemos unha exaltación da castaña en toda regra e comezamos as actividades ó redor das 12, 45 horas cunha conferencia sobre o "A marca de calidade IXP Castaña de Galicia" impartida polo Secretario da IXP, D. Manuel López Pérez, que engaiolou ós presentes cunha amena charla na que se debullou o futuro do castiñeiro en Galicia e as posibilidades que a citada marca de calidade, única en España, ofrece para o desenvolvemento do medio rural galego.
A continuación, mentres esperábamos a que se acabasen de asar as castañas, procedemos á inauguración da exposición "O CASTIÑEIRO" que realizou este EDLG coa inestimable colaboración de Begoña Dávila, Julio Martínez e Manuel Prego e outros colaboradores que axudaron nos últimos traballos de montaxe. Vaia para eles o noso agradecemento. Na seguinte ligazón podedes ver unha presentación da citada exposición:
Como fin de festa, pasamos ó comedor onde gozamos dunha degustación de produtos outonais, nos que destacaron, entre moitas outras viandas, uns volováns de porco bravo con castañas preparados con esmero polo persoal de cociña , os que queremos, como non, agradecer tamén o esforzo realizado.
Para rematar, as castañas asadas e a música coas que nos deleitou o persoal de campo, sen o cal non hai celebración que se gabe, (Ana, David, Moisés, Óscar...) puxeron un fermoso fin de festa. Vaia, por suposto, o noso agradecemento pola súa colaboración.
Esperando que gozarades do traballo realizado e a vosa colaboración para as vindeiras actividades despídense agarimosamente
Os membros do EDLG